Saúdo do Alcalde

Imprimir
PDF

Despois dunha longa tempada na Rede cunha web que poderiamos denominar de información estática, para compartir Celanova co mundo e facer posible que calquera persoa que quixese saber algo máis do noso municipio tivese acceso directo a elo, a imparable dinámica de cambios que provoca este mundo paralelo e virtual que é Internet obríganos a reformular algún conceptos e renovar algúns contidos para ofrecer unha información máis dinámica e viva.

Esa é a razón pola que, amigas e amigos internautas, decidimos colocar ó voso servicio unha nova páxina, cun novo deseño e cunha nova tecnoloxía máis sinxela de manexar e máis operativa para podernos compartir información con todos vós.

Aquela primeira intención de amosarlle os datos esenciais de Celanova ó mundo, quedou atrás e agora queremos dar un novo paso co fin de poder interrelacionarnos a través da rede tamén con aqueles ós que temos máis cerca, é dicir, os propios habitantes de Celanova.

O obxectivo que perseguimos con esta nova páxina pasa tamén, pois, porque os celanoveses poidan ter á man os múltiples servicios prestados dende a Casa do Concello, sen esquecer, por suposto, esa capacidade que ofrece a Rede de conseguir unha aproximación ós usuarios da multitude de posibilidades que se nos presentan a través do complexo mundo da informática, vital para o desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade nestes intres.

Neste sentido, e tal e como referenciaba xa na anterior web, dada a relación histórica que Celanova ten co mundo da emigración, con fillos de primeira, segunda ou terceira xeración repartidos por lugares tan dispares como poden ser Vigo e Nueva York, Madrid e Buenos Aires, ou Barcelona, Caracas e Ciudad del Cabo, quero saudalos dun xeito especial, agardando a que a partir de agora Celanova poida estar un pouco máis cerca de todos eles, desexando que a información, e consecuentemente a posibilidade dun mellor coñecemento de tódalas actividades e servicios municipais que se incorporan nesta páxina, responda ás súas necesidades, o que sen dúbida xustificará o esforzo realizado na cristalización deste proxecto.

Animo, pois, tanto ós veciños de Celanova como a aqueles fillos destas terras que están espallados polo mundo adiante, a que nos trasladen tódalas suxestións e ideas que estimen pertinentes, co fin de seguir mellorando na xestión municipal e, ó mesmo tempo, ampliar as posibilidades que ofrece unha vila arroupada pola historia, aberta á xente, creativa, innovadora e hospitalaria, unha vila que agora, máis que nunca, podemos definir como la definiu o poeta, é dicir, “onde o mundo se chama Celanova”.

 
Asdo. José Luis Ferro Iglesias.
 

Discurso de investidura 2015

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web | RSS| Correo